Do 17 ao 21 de setembro de 2007 representantes de Manos Campesinas, organización situada en Xela (Guatemala), viaxaron a diferentes lugares de Chiapas (México) para coñecer as organizacións socias do proxecto neste país. O obxectivo final deste periplo foi o intercambio de experiencias entre as organizacións Más Café, Compras e Cesmach para fortalecer os procesos de catación e trazabilidad, enmarcados no eixo principal de control de calidade que se empezaron a traballar en Manos Campaesinas aproveitando o camiño percorrido polo resto de organizacións. O grupo que se desprazou ata Chiapas estivo formado polo equipo técnico da organización, cuxos integrantes eran Evelyn Rodas, Marco Antonio Tzunun e Sebastián Alonzo, ademais de dúas persoas pertencentes ao proceso de capacitación avanzada en catación de Manos Campaesinas: Benjamín Gonzalo, da cooperativa de Loma Linda, e Catarina Yac, de Asuvim. Durante todo o evento estiveron acompañados de Laura Castresana, cooperante de SETEM, encargada da coordinación da actividade.
A primeira parada da viaxe foi na cidade de Comitán de Domínguez onde, logo dun duro traxecto, o grupo chegou á organización Más Café. Alí reuníronse cos directivos da organización e os encargados dos temas para tratar e tras unha presentación de ambas as organizacións pasouse a traballar por grupos no intercambio de experiencias dos dous eixos principais: trazabilidade e catación. Un grupo traballou o primeiro tema mentres o outro tivo a oportunidade de realizar unha sesión de catación co catador da organización, actividade que foi moi ben valorada sobre todo pola actitude voluntariosa e de confianza do catador. Ao día seguinte, e ben cediño, o grupo desprazouse ata San Cristóbal de las Casas onde o esperaba a organización Compras. Unha vez feitas as presentacións, os responsables de Compras presentaron o seu proxecto de zonificación con Cesmach e ofreceron aos seus invitados unha sesión de catación na que puideron comparar e reflexionar sobre as diferenzas e semellanzas nos protocolos de actuación para as diferentes organizacións.
O destino do terceiro día era Jaltenango, onde foron moi amablemente recibidos polos responsables e algúns dos directivos da organización Cesmach. Este día traballaron todo o proceso de trazabilidade que ambas as organizacións están elaborando e ao seguinte visitaron unha das parcelas da organización en Río Negro onde tiveron a oportunidade de falar con produtores e técnicos socios de Cesmach e compartir acerca de diferentes técnicas para mellorar o rendemento dos cafetais. Logo dunha refección cunhas laranxas que moi amablemente lles regalou o dono da parcela, regresaron de novo a San Cristóbal de las Casas para pasar a última noite en México. O último día, ben cedo, dedicárono a facer unha avaliación de todo o acontecido na viaxe e a xerar ideas, propostas e estratexias para continuar avanzando na calidade.