Ao longo da década dos 90, grazas á presión realizada polas organizacións de Comercio Xusto, a UE levou a cabo numerosas declaracións institucionais de apoio ao movemento. A implicación das institucións europeas foise consolidando desde entón:
- O Parlamento Europeo adopta en xuño de 2006 a Resolución do Parlamento Europeo sobre Comercio Xusto e Desenvolvemento (A6-0207/2006) para promover o Comercio Xusto. Fai fincapé na importancia de incrementar o apoio público a este sector, cun crecemento sostido en Europa, onde representa case o 70% das vendas mundiais. A resolución fai tamén un chamamento á Comisión Europea para que presente unha recomendación sobre esta materia.
- No Plan de Acción de Comercio Sostible STAP (2003), a Dirección xeral de Comercio da Comisión Europea prevé a promoción da inclusión de criterios de Comercio Xusto e Sostible na compra pública da UE.
- Na Comunicación relativa ao Comercio Xusto de 1999 (COM-1999-619) defínese o concepto de Comercio Xusto e faise unha breve descrición da súa situación en Europa.
- Na Resolución sobre o Comercio Xusto, do ano 1998 (doc.A4-0198/98) afírmase o apoio á creación dun selo común de Comercio Xusto.
- En abril de 1996 o Comité Económico e Social da Unión Europea apoiou a creación do selo de CX no seu documento 'Movemento a favor dunha marca de Comercio Xusto europea' (CES 538/96).
- En 1994 atopamos a Resolución sobre un Comercio Xusto entre o Norte e o Sur' (A3-0373/93, do 19 de xaneiro de 1994 a DOCE No. C 44, pp.119-121).
- En 1991 o Parlamento Europeo adoptou a 'Resolución sobre o consumo de café como actividade de apoio aos pequenos produtores de café do Terceiro Mundo e sobre a introdución deste café nas institucións comunitarias' (A3-228/91, de 8 de outubro de 1991, a DOCE No. C280, pp.33-35). Nesta resolución, o Parlamento instou ao Consello de Ministros a suprimir os impostos directos e indirectos sobre o café, o té e o cacao existentes nalgúns estados membros.