As ganancias deste negocio repártense de xeito inxusto e desigual. As grandes corporacións pagan aos agricultores uns prezos que, moi a miúdo, están por baixo do custo de produción. Son unhas cantidades tan escasas que non cobren as necesidades básicas dos pequenos propietarios, os xornaleiros e as súas familias.
As empresas transnacionais e organismos como o Fondo Monetario Internacional e o Banco Mundial presionaron durante anos para que os países do Sur dediquen a práctica totalidade da súa superficie de cultivo a produtos para a exportación en detrimento de cultivos tradicionais para alimentar a poboación autóctona.
Estas políticas, aplicadas en Vietnam con moita intensidade, ademais de alagar o mercado cun exceso de café de baixa calidade propiciaron desequilibrios ambientais e problemas sociais.