Tomamos un café xusto?

O comercio internacional do café impulsa un modelo de desenvolvemento moi desigual que favorece ás multinacionais máis poderosas. Uns 25 millóns de familias produtoras non alcanzan a cubrir os custos de produción cos actuais prezos de mercado.


É necesario impulsar cambios neste modelo de intercambio desigual. Existen alternativas consolidadas ao café do mercado convencional: O café de Comercio Xusto é café natural de gran calidade social, calidade ambiental e calidade de cunca.


Agora xa podedes consumir café de Comercio Xusto na vosa casa e na máquina ou o bar do voso lugar de traballo ou estudo. Moitas institucións xa entenderon que cambiar o café que serven nas súas dependencias é unha ferramenta de gran utilidade para incrementar o seu compromiso cun mundo máis xusto.


O programa Bo Café de SETEM xurdiu en Catalunya o ano 1998 e permite contar con café de Comercio Xusto nas máquinas expendedoras do voso traballo ou lugar de estudo sen ter que cambiar nin de máquina nin de empresa de vending. Nos últimos anos o programa estendeuse a bares e cafeterías e hoxe en día podemos tomar café de Comercio Xusto acreditado por SETEM en máquinas e bares en Catalunya, Euskadi, Galicia, Madrid, Navarra e a Comunitat Valenciana.