Comercio xusto

Segundo FINE (FLO, IFAT, NEWS! e EFTA, 2001), o Comercio Xusto é unha relación comercial baseada no diálogo, a transparencia e o respecto mutuo, que busca unha maior igualdade no comercio internacional. Contribúe, así mesmo, ao desenvolvemento sostible proporcionando mellores condicións comerciais e asegurándolles os seus dereitos aos produtores e ás produtoras e traballadores e traballadoras marxinados, especialmente nos países do sur. As organizacións de Comercio Xusto, apoiadas polos consumidores e consumidoras, están activamente implicadas en apoiar aos produtores e produtoras, sensibilizar á poboación e organizar campañas para cambiar as regras e prácticas do comercio internacional tradicional. Os principios do Comercio Xusto son os seguintes:


  • Traballar prioritariamente cos produtores/as e traballadores/as máis desfavorecidos para facilitarlles unha saída da situación de vulnerabilidade na que están e alcanzar a autosuficiencia económica.
  • Capacitar aos produtores/as e traballadores/as como participantes activos nas súas propias organizacións.
  • Buscar xogar un maior papel no escenario mundial para lograr maior xustiza no comercio internacional.